jueves, 17 de mayo de 2007

Dias das Letras Galegas












Naceu en Noia no ano 1918.

Despois de vivir en varios sitios de Galicia e de fóra, sobre o ano 1948 asentouse no Courel, onde morrería prematuramente no ano 1967.

No 1963 publica "Palabra no Tempo", libro que esperta grande atención da crítica doutros poetas, aínda que o público en xeral apenas a percibiu. Moitos anos despois, xa en 1990, o Concello de Noia publicou o seu inédito "Verba que comenza".

Trátase dunha poeta totalmente fóra da vida literaria, próxima por veciñanza, amizade e poesía a Novoneyra, que presentando o seu libro dicía: "En M.M. confírmase o mito da profundidá da alma galega. Angustia, Espranza, Memoria, Nostalxia e Arelanza: todo o mundo do esprito. Unha poesía de son esencial -muitas veces no xeito da canción popular e sempre no estilo de Galicia que é o estilo da fala- donde o misterio nos chega".

Mais segundo Ramiro Fonte, con quen cadramos conformes, tamén "foi resaltada en exceso a súa relación con Novoneyra", pero "María Mariño brilla con luz propia, e o seu mundo lírico é un dos máis persoais entre os poetas galegos da posguerra. É coincidente co poeta do Courel o tema propiciado pola serra e o seu cosmos, a ansia de ver o seu 'ser' transcendido no ámbito da Natureza. (...). Pero se en Novoneyra nunca adiviñaremos se quen fala son os ecos silentes da terra ou o poeta, na nosa poetisa sempre se escoita a voz do eu empírico na súa máis intrínseca esencia do existir".

De forte ollar, amiga,
de frío que non se quenta,
Amiga, que eres de todos
e por ninguén esquencida.

Soia co teu silencio
na forza do teu poder,
un por un de cada ser
levas do fin ó comenzo,
descansar a túa fonte.
................................................
E logo d'alí cansiños,
amigo, dinos pra onde?

Deixa, amiga, ós nosos pes,
fríos polo teu ver,
algo do noso sentir,
do són que tí fas fuxir
amiga, por aquil nacer...



www.diadasletrasgalegas.com